Timbre
A primeira calidade da que me quero ocupar é o timbre ou cor da voz. Eu penso que hai dúas maneiras de considerar o timbre de unx cantante. Por unha banda, temos un timbre que é innato a cada persoa e que nos permite recoñecela sen necesidade de vela. Ese tipo de timbre é como unha marca de fábrica e pódese imitar só en parte. Eu chamareino “timbre natural”. Eu creo que existen voces excepcionais como as dela Fitzgerald ou Mina, nas que esa “cor”, inconfundible e especialmente agradable, resulta un compoñente moi importante do seu canto, como un “don” precioso e irrepetible.
Doutra banda, temos un timbre que vai moito máis alá da “cor” natural e innata da voz, e que depende da maneira en que se imposta a voz. A este timbre, co que “non se nace senón que se fai” chamareino “timbre artístico”. Por exemplo, eu non sei se Amstrong falaba como cantaba, pero dubídoo. Máis ben creo que ese timbre característico seu, que lembra a un animal gruñón, é o resultado de “a súa” maneira particular de impostar a súa voz. Seguramente, a Amstrong gustáballe cantar dese xeito e o seu peculiar timbre converteuse nunha “marca comercial” moi efectiva.
O timbre artístico ás veces elixímolo, por que nos gusta e nos identificamos con el, pero outras veces, non é elixido e non nos gusta pero non sabemos como cambialo, como poden ser a nasalidade (debida a un padal brando “preguiceiro”) ou a voz engolada (debida á lingua tensa cara atrás).
O timbre de un/unha cantante resulta da combinación dos timbres “natural” e “artístico” e, aínda que nalgunhas voces o primeiro é importante, mesmo decisivo, eu opino que para a maioría das voces, o que máis conta é o segundo. No artigo seguinte, explicarei a importancia do timbre ou timbres que eliximos para a interpretación das cancións.